QUE É O TENDAL

O Tendal é un servizo integral de marketing no que cinco cooperativas unimos a nosa experiencia para planificar o lanzamento de empresas ou profesionais que están empezando e tamén dos que queren empezar de novo. Os nosos servizos van desde un estudo de mercado previo, a construcción dunha marca, o deseño da imaxe dunha empresa, un plan de marketing e comunicación, o desenvolvemento dunha web ou a prospección previa a unha expansión internacional.

Ti pos o proxecto e nós o tendal e a luz do sol.

O proxecto pode ser unha nova empresa, unha nova liña de negocio, un novo produto ou mesmo empresas, liñas de negocio e produtos que xa existan e que queirades relanzar desde outra óptica.
O tendal é a nosa mesa de traballo, a pantalla do noso ordenador e mesmo a realidade que analizaremos para poder ofrecerche as mellores posibilidades de posicionamento no mercado. Neste tendal colocaremos o teu proxecto e as túas demandas e trataremos de ver onde están as manchas que hai que eliminar, e onde as virtudes que hai que potenciar.
A luz do sol son os nosos ollos, a nosa experiencia e todas as ferramentas que empregaremos para trazar a estratexia máis acaída ao teu caso.
 

Somos conscientes do complicado que resulta afrontar os retos dunha nova aventura profesional, creativa ou empresarial, por iso che propoñemos varios paquetes de solucións destinadas a resolver as túas dúbidas:

Hai demanda para o que eu fago?
Onde está a miña competencia?
Cal pode ser a miña estratexia de mercado?
Como comunico o que fago?
Debo ter presenza nas redes sociais?
En cales?
Como debe ser a miña imaxe gráfica?
A imaxe que teño responde aos meus obxectivos?
E a web, como a enfoco?
Quero ter unha tenda on line?
 

Non hai respostas exactas a estas preguntas. Pero si orientacións moi certeiras que reducirán sensiblemente a marxe de erro no momento en que decidas botar a andar o teu proxecto. O que che propoñemos son solucións profesionais e de calidade, adaptables á túa realidade. E para facelo contamos cun equipo de profesionais que veñen traballando dende hai moitos anos en sociedades cooperativas especializadas en cada un dos servizos que ofrecemos.

CIDADANÍA S. COOP GALEGA

Cidadania é unha cooperativa composta por profesionais das ciencias sociais que vén traballando en Galicia desde o ano 1999 para diferentes entidades de carácter público e privado.

No ámbito de análises de mercado, Cidadania desenvolve estudos cuantitativos e cualitativos. Está especializada na análise de produtos e servizos, satisfacción e opinión dos clientes, así como de diagnoses sectoriais precisas para os procesos de planificación e toma de decisións.

A cooperativa conta co diferentes medios e persoal técnico para desenvolver enquisas no conxunto do territorio galego e español, ben sexa a través dunha rede de de persoas para desenvolver enquisas presenciais a domicilio (sistema CAPI), ou a través doutros sistemas como o de enquisas web ou o de entrevistas telefónicas asistidas por computador (CATI). Ademais, os seus profesionais están especializados no deseño e aplicación de diferentes técnicas de carácter cualitativo como os focus groups, entrevistas en profundidade, estudos de caso ou técnicas de simulación de compra, entre outras.

Os nosos clientes son unha parte activa das nosas investigacións e análises. A través da súa participación activa logramos cubrir de maneira óptima as necesidades da súa empresa ou negocio. Ademais, Cidadania pon a disposición diferentes ferramentas de análise que garanten que as empresas e organizacións poidan continuar de forma autónoma os seus procesos de cambio e mellora.

MARKETING TANGIBLE S. COOP GALEGA

É unha empresa de recente creación integrada por tres profesionais de ampla traxectoria no eido das estratexias de mercado que, desde esta nova plataforma, están dando resposta a demandas de mercado baixo unha perspectiva moi actual, con estratexias diferentes que buscan sorprender, emocionar e facer ruído.

Para os expertos de MT, emprender, facerse autónomo, facer realidade o teu soño é unha boa opción sempre e cando o tomes en serio e teñas previstas todas as variables que van influír no teu negocio; ao tempo que recomendan facer unha formación básica nas diferentes áreas que vas xestionar no teu negocio (marketing, ventas, finanzas, loxística...).

MT aposta pola formación e o estudio do negocio e o mercado ao que se dirixe cada proxecto como fórmula para non naufragar. Para axudarvos con isto, elaboran a vosa estratexia de marketing e tamén un plan de viabilidade que vos permitirá emprender sen asumir excesivos riscos, e sen quedar expostos á situación dos mercados, a incerteza e a inestabilidade. Eles axudaranvos a pautar o voso comportamenteo á hora de definir por que modelo de negocio vos ides decidir, evitando se é posible arriscarvos con grandes investimentos ou con modelos de negocio obsoletos ou en fase de decrecemento.

Desde esta perspectiva, ofrecen un amplo catálogo de solucións para conquistar os mercados: marketing on line, marketing creativo, marketing de contidos e community manager, marketing directo con estratexias moi definidas e alto grao de efectividade, marketing de eventos, marketing low cost, marketing lateral, e mesmo accións de marketing conxunto pensadas para que varias empresas, dun mesmo sector ou sectores complementarios, lacen ao mercado un produto ou un servizo, compartindo custes e maximizando ventas ou contratos.

O seu consello de expertos: Emprender en internet. O investimento adoita ser baixo, so se precisa un modelo de negocio que sexa viable a través da rede, un nome chamativo e fácil de lembrar, unha tenda on line atractiva e na que a compra resulte intuitiva, unha boa estratexia de marketing, promoción on line, e moito traballo, constancia e bo servizo.

O CABLE INGLÉS S. COOP GALEGA

Ofrece servizos de xestión integral de proxectos culturais sostibles e implicados co territorio e cos seus habitantes. O seu obxectivo é propoñer solucións a medida, capaces de integrar cantos servizos sexan precisos para levar a bo termo cada experiencia cultural.

Están especializadas na promoción de marcas e produtos a través de experiencias culturais (concertos, teatro, feiras, xornadas...), que desenvolven tanto para empresas privadas, institucións públicas, asociacións ou cooperativas. Traballan tamén no eido do deseño gráfico e deseño web, campañas de comunicación, estratexias de comunicación 2.0, busca de ‘medios amigos’ ou ‘media partners’.

O Cable Inglés gusta de asumir retos e participar en aventuras desde a fase cero, ocupándose de todo o que estea na súa man: desde a busca de financiamento e a xestión económica, ata a produción dun evento de presentación, o deseño e a comunicación dun proxecto.

ÍTACA SOFTWARE LIBRE S. COOP GALEGA

É unha consultora informática que se apoia en sistemas de código aberto e software libre, para ofrecer a empresas e organizacións servizos de consultoría informática de grande valor engadido.

Para o equipo de ÍTACA, a tecnoloxía é un medio para ser mellores, máis competitivos, estar presentes en entornos impensables hai apenas uns anos..., pero tamén para ser socialmente máis responsables e gozar das vantaxes que a correcta xestión da información nos permite.

A súa filosofía é que a tecnoloxía debe estar ao servizo da persoa e non ao contrario. Cren no Software Libre como modelo de desenvolvemento tecnolóxico sostible, responsable e ético; que permite aos clientes non renunciar á liberdade que deben ter como protagonistas na elección da solución adoptada. Defenden que é posible adoptar solucións libres para, practicamente, dar resposta a calquera necesidade: desde software de escritorio para labores ofimáticas ata software de xestión de alto valor engadido pasando por sistemas operativos ou paquetes web integrados. E traballan baixo o prisma de que o software libre permite adaptar as solucións ás necesidades dos clientes en vez de obrigar aos clientes a que se adapten ás soluciones adoptadas. Neste sentido tamén argumentan que o software libre obriga aos profesionais a mellorar continuamente porque os clientes sempre dispoñen do Código Fonte do seu software e son libres para buscar outro provedor en todo momento.

A partires deste plantexamento desenvolven labores de consultoría, servidores e sistemas, software de xestión, protección de datos, desenvolvemento web e comercio electrónico, axustando sempre cada proxecto ás necesidades da persoa, empresa ou organización.

En Ítaca Software Libre non entenden a súa actividade como a simple realización de procesos illados. Deste modo, participan na sociedade que os rodea e, se poden, fano con outras entidades que cren que por riba da economía está a persoa.

XEDEGA S. COOP GALEGA

Ten dúas vertentes de servizos claramente diferenciadas, pero ao mesmo tempo perfectamente complementarias: a asesoría e a consultoría empresarial. Na área de asesoramento conta cunha equipa perfectamente coordinada nas relacións que unha empresa ten coa administración: obrigas fiscais, laborais, contables e xurídicas. Na área de consultoría, tratan de buscar solucións ás diferentes necesidades demandadas polas empresas cando queren incorporar na súa organización un cambio ou mellora. Neste sentido, a internacionalización é un dos parámetros onde nestes momentos están a ser máis demandados os seus servizos, e Xedega aporta un asesoramento personalizado orientando na procura da millor das estratexias para dar este importante paso.

A internacionalización é unha opción, que desde Xedega animan a valorar para que as empresas non perdan a oportunidade, de polo menos, facer un primeiro achegamento e analizar a viabilidade do mesmo. Coa a súa experiencia e contactos en diferentes mercados internacionais, fan moi asequible esa primeira valoración.